Chega un Baixel

© Suso de Toro

 

        Como todas as tardes naquela hora do serán, xa no pór do sol, o Minotauro, monstro híbrido, metade humano metade animal, daba voltas ao redor das grandes obras en construcción. Moitas veces lle tiña preguntado a Dédalo, o arquitecto que traballaba para o rei Minos, que obra era aquela tan estraña e distinta de todas as outras que había na illa de Creta. Sen embargo Dédalo nunca lle quixera contestar.

        Aquela tarde o arquitecto, cando o monstro pasou rondando entre pedras e canteiros que se apartaban temerosos do seu camiño, chamou por el:

      Asterio!

       O Minotauro sorprendeuse de que ese serán  fose o arquitecto quen quixese falar con el e acudiu con lixeireza e gracia animal ao chamado de Dédalo. Parouse de par del e agardou a que lle falase.

       -Ou Asterio, tamén chamado Minotauro, este é un momento de debilidade miña, teño lástima de ti e iso lévame a desobedecer unha prohibición do noso rei Minos, que é pai teu e sen embargo non o é.

 -Minos é marido da miña nai, mais non é meu pai. Meu pai foi un boi branco que me fixo en miña nai. Ai, desgracia.

-Lévasme preguntado moitas veces que construcción era esta e estame prohibido revelarcho, mais hoxe apiédome da túa desgracia e quero satisfacer a túa curiosidade. Esta grande obra é para ti.

  -¿Queres dicir que Minos perdoou á miña nai, Pasifea, e tivo lástima de min e por iso mandou construir esa rara obra, un pazo para min?

 -Ai, non, Minotauro. A carraxe de Minos non decae, e esta construcción non é un pazo como eu gostaría de construír, senón un cárcere. Un cárcere para ti, unha fortaleza que te aparte do mundo e te manteña encerrado, pois Minos odiate porque lle lembras a traizón da túa nai co touro e porque as xente témente xa que te alimentas de carne e o mesmo comes animal como fan os humanos, que comes humano como fan os animais.

  -¿E que culpa teño eu se nacín monstroso? ¿Escollín eu a miña natureza, decidín eu este aspecto meu que pon terror? Eu pago o pecado dos meus pais. ¿Pensas que non teño noxo de min propio? Cando me achego a beber na beira do río coas demais bestas asústome eu propio da imaxe do reflexo. Quixera non ter nacido e ás veces quixera morrer.

   -Ben podes ver que as obras xa están acabadas. Porque teño compaixón do teu destino revéloche que mañá o rei mandará ás súas tropas que te prendan e te encerren. ¿Ves aquela porta con arco alí? Esa será a porta que ninguén cruzará dúas veces.

   -Se me encerran eu volverei saír por ela de volta.

   -Non, Minotauro, quen entre non poderá saír. Puxen toda a miña arte nesta obra, fixen que os ollos se confundan con innúmeros corredores que dan voltas e revoltas. Eu mesmo me perdín dentro e costoume traballo dar chegado de volta ao limiar e saír por esa porta que é como a boca das tebras.

  -Así que mañá rematan os meus días na luz. A miña vida foi cruel e breve. E ti labraches o meu cárcere.

  -Eu nada máis obedecín ordes do meu amo...

  -¿E logo ti que ademais de construir edificios inventaches máquinas, figuras de madeira que teñen vida, non sairá do teu enxenio algo que me evite esa morada escura?

   -Para ese labirinto non hai chave nin camiño, a que entras non hai máquina que dea co retorno.

   -Quén sabe, quizais así sexan menos crueis os meus días. Apartado dos humanos non verei o noxo e o temor nos seus rostos...

  -Pobre Minotauro, tamén eu teño un fillo, Icaro, tamén eu sei o que é a dor dun mozo coma ti, aínda que sexa un mozo monstroso.

  -Por ser monstro padezo máis, o meu corazón de touro é máis grande que se fose humano.

  -Eu farei unha cousa. ¿Hai alguén en que ti fíes a túa vida, que non te vaia delatar ao teu pai causando a túa ruina e a miña?

  -Hai. Ariadna, a miña medio irmá. Ela ten compaixón de min.  Cando a mina soidade se me fai intolerábel, pois non hai outro  coma min no mundo dos humanos ou no das bestas, e preciso do contacto sequera leve dalgunha carne vou xunto dela e ela acariña o meu lombo e acalma a miña desesperación.

Tamén ela se sente soa nesta illa. É toliña de amores mais non ten a quen amar.

   -Dareille logo á Ariadna, a túa medio irmá, un novelo moi longo e brillante que se vexa ben nos corredores escuros. Con el na man ela poderá entrar a xunta túa e volver saír cando queira. Mesmo, se é noite e non hai luar, poderás asomarte fóra do labirinto coa condición de que tornes dentro

antes do abrente.

  -Paréceme unha boa maneira de que o peso da miña condena sexa máis leve. Dese modo non temerei tanto entrar por esa porta ominosa. Alí ven a mina media irmá Ariadna, é preciso que ela saiba o noso propósito.

  A moza chegaba con pasos desnortados, traendo flores na man coas que estaba a tecer  unha coroa.

  -Ariadna, miña media irmá querida. ¿Valeriasme ti se for precis para protexerme da ira do teu pai?

  -Meu pobre medio irmán, ¿e que non faría eu por amparte sequera un pouco do duro corazón do meu pai o rei Minos? contigo podo compartir a mina soidade.

  -Moza, ¿e logo non hai un pretendente que queira contigo pasar os seus días?-preguntou o arquitecto.

  -Os ciúmes do meu pai fixeron que prohibise a calquera mozo desta illa achegarse a min, e o meu corazón ten cobiza de amores. O meu ánimo amolece, os meus pasos andan sen norte e as miñas mans tecen guirnaldas para adorner unha frente que nunca vin por máis que percorrin a illa. Ai, esa frente nada

máis a vin en soños. Nun soño no que alguén viña de lonxe nun barco, entón o mozo de frente clara raptaba o meu corazón e o meu entendemento. Perdido o senso, eu entregaba a illa e o mundo se for preciso para ser posuída por el.

  -Pobre Ariadna, ese día está lonxe. Hai moitos anos que non arriba ningún baixel á illa...Todos temen ao teu pai o feroz rei Minos.-Dixo Minotauro.

    Dédalo mentres os dous medio irmáns falaban enxergou ao lonxe na negrura do mar calmo e nouturno o facho de luz dun barco. Un barco que viña de lonxe, unha nave extranxeira que traía a bordo xente descoñecida e novos destinos.

-Cómpre que marchedes os dous, -dixo el por axotalos de alí,-xa é noite cerrada e mañá entregarei a miña obra. Esta noite velarei a miña obra para despedirme dela e entregala enteira ao rei que pola mañá acudirá co seu exército.

   -Douche as gracias, arquitecto, por te apiadares de min. Ariadna, eu acompañareite ata os muros da cidade. Indo comigo ninguén se achegará a facerche mal e mentres camiñamos contareiche o que quero de ti, o meu destino está nas túas brancas e fráxiles mans. Mercé á túa axuda o meu cárcere será a miña protección e cruzarei o limiar da porta sen temor.

   A que marcharon a través do bosque, Dédalo contemplou achegarse aquela nave da Atenas despacio cara a costa. Un baixel traendo novos destinos aos habitantes daquela illa atormentada.